Breve historia editorial de “Memorias dun neno labrego”

Este libro foi escrito en Buenos Aires no segundo semestre de 1960. Saíu do prelo (imprenta de Alfonso Ruíz) o 5 de xaneiro de 1961, na editorial Follas Novas, cunha cuberta de Luís Seoane. Imprimíronse 2.000 exemplares, dos que foron distribuídos en Galicia 300 a través da Editorial Galaxia.

En 1968 publiconou en Sada (A Coruña) Ediciós do Castro, con cuberta e ilustracións de Isaac Díaz Pardo e un proemio de Xesús Alonso Montero. A mesma editorial reeditaríao moitas veces (a vixésimo quinta no 2007), nove delas con tiradas de 10.000 exemplares; Akal, de Madrid, fixo cinco edicións, e La Voz de Galicia, unha, de 57.000, que entregou co xornal no ano 2002. Hai sete edicións en castelán: catro a cargo da casa madrileña Júcar; unha por Kalandraka, de Pontevedra; e dúas na Habana pola editorial Arte y Literatura, con prólogo de José Antonio Portuondo e debuxos de José Luis Posada, a primeira cunha tirada de 70.000, e a segunda de 55.000. Ademais do castelán tamén foi traducido ao éuscaro, catalán, asturiano, francés, inglés, alemán, romanés, sueco, chinés, búlgaro, italiano, ruso, checo e portugués. Existe unha edición en braille para cegos, acaba de ser traducido ao esperanto polo filólogo e profesor Xesús Moinhos (un capítulo xa se publicou na revista esperantista Beletra Almanako, que se edita en Nova Iorque). Fíxose unha adaptación teatral en lingua maia, que se representou nos tres estados mexicanos da península do Iucatán. En total lévanse publicado ao redor de 600.000 exemplares (ata o 31-XII-2009).

Hai dous documentais referidos a esta obra; está listo o guión para unha longametraxe; dramatizáronse varios capítulos na Televisión Italiana, e ademais da versión teatral de México, escenificáronse en galego fragmentos diversos en múltiples colexios de Galicia. O escritor e actor Cándido Pazó vén de estrear con moito éxito a peza que titulou Memorias das memorias dun neno labrego, baseada na novela.

Esta narración vénse utilizando como libro de lectura en colexios e institutos de Galicia, e tamén se utiliza ou utilizou, en castelán, en centros de ensino medio de Cantabria e en escolas de secundaria básica de Cuba, e en alemán, nas Universidades de Leipzig e de Tréveris.

Publicáronse traballos diversos e elaboráronse teses de licenciatura nas Universidades de Roma, Moscova e Borgoña (as dúas últimas foron publicadas en libro). Outros estudos leváronse a cabo nas de Fortaleza (Brasil), Grenoble (Francia), Santiago de Compostela e Buenos Aires.

Con Memorias dun neno labrego nace a literatura galega para nenos e adolescentes.

En abril de 2010, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (na filial de Lalín) levou a cabo un curso titulado: «Xosé Neira Vilas. Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe». Entre outros, participaron os profesores Xosé Luís Axeitos, Dolores Vilavedra, Xosé Antonio Aldrey, Victorino Pérez Prieto, Román Rodríguez, Xesús Alonso Montero, Luís Fernández Ríos, Marcial Gondar, David Otero e Pilar González Yanci. Os respectivos relatorios vainos publicar a Deputación Provincial de Pontevedra.

O 30 de maio de 2009 presentouse no museo Verbum, de Vigo, o libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego, publicado en Madrid, en edición non venal, por iniciativa do cineasta e escritor Ismael González, coa colaboración do Concello de Vigo. Contén traballos de 53 colaboradores. Co mesmo título, e coordinado polo profesor Avelino Muleiro, vaise publicar en Ir Indo Edicións unha obra que suma outras colaboracións ata un total de 98, trece delas en linguas de fóra.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *