Xosé Neira Vilas

Xosé-Neira-Vilas

Xosé Neira Vilas naceu no ano 1928 na aldea de Gres —Vila de Cruces, Pontevedra—. Procedente dunha humilde familia campesiña, pasa a súa infancia e mocidade no mundo rural, que máis tarde recreará nas súas obras.

No 1949 emigra a Buenos Aires. Na capital arxentina alterna o traballo coa formación autodidacta, vencellándose co espírito da Terra lonxana nos centros da colectividade galega emigrante. Tras contraer matrimonio coa escritora cubana Anisia Miranda, trasladouse a Cuba, onde completou a súa formación realizando estudos de Filosofía e Letras na Universidade de La Habana.

A obra de Neira Vilas —que tamén ten cultivado a poesía, o ensaio e a narrativa para nenos— é basicamente diferente da dos outros autores da Nova Narrativa Galega na que é incluído, afastados do social-realismo e máis preocupados polas experimentación técnica. O escritor reproduce a realidade galega dende unha óptica novidosa que se centra arredor de dous focos: a Galicia interior e a Galicia emigrante.

Dentro das narracións que teñen como tema xeral a Galicia interior, rural, encádranse as obras de protagonismo infantil e as de protagonismo adulto. As obras narradas dende unha óptica infantil ou adolescente (Memorias dun neno labrego, 1961; Cartas a Lelo, 1971; Aqueles anos do Moncho, 1977) organízanse arredor da evolución dun neno a través dos seus contactos co medio e cos adultos, nunha sociedade campesiña marcada pola opresión e a pobreza económica, cultural e ideolóxica. Todo este mundo alleado ponse de relevo mediante a ollada do protagonista-narrador, inxenua nun principio, nas Memorias…, obxectiva e racionalizada na última obra da triloxía, Aqueles anos

Memorias dun neno labrego (1961) supuxo o inicio da carreira narrativa do autor. É unha novela autobiográfica de estrutura moi sinxela que profundiza na realidade da Terra, no subdesenvolvemento dun grupo de xentes aldeás. O autor conta dende a óptica crítica dun neno —Balbino— a vida dun rapaz mergullado nun mundo pechado, nunha aldea do interior de Galiza, ata que se ve obrigado a emigrar. A novela constitúe un fito singular na literatura galega debido ao seu éxito e impacto popular. A este feito contribúe a conciencia inxenua e crítica do protagonista —polo que esta ten de reveladora— e a grande eficacia narrativa da linguaxe e o ritmo da súa prosa.

As técnicas narrativas empregadas por Neira Vilas nas súas obras son múltiples: o emprego da primeira, segunda ou terceira persoa no punto de vista do narrador. A nivel de estrutura a forma de diario (Memorias dun neno labrego), de narración epistolar (Cartas a Lelo), de conversa parcial dirixida a un suposto oínte (Camiño bretemoso); a técnica do collage ou de montaxe cinematográfica en diversas secuencias, cunha linguaxe que se arrandea entre o narrativo, o coloquial e o xornalístico (Remuíño de sombras) ou a ruptura da secuencia temporal con retrospección e contrapunto (Querido Tomás).

En resumo, a obra narrativa de Neira Vilas podémola situar dentro dun realismo crítico no que as estruturas e forzas sociais actúan como determinantes das situacións. Galiza está presente no ollar de Neira Vilas e as súas experiencias da infancia e mocidade condicionan o seu testemuño. Alíanse nas súas obras a preocupación social e o libre desenvolvemento da afectividade, cunha linguaxe directa que procura a rápida comunicación co lector.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *