AMÉRICA

Hai moitos meses que meu irmán Miguel marchou para América. Inda me lembro de cando se despediu de nós. Miña nai, a tía Carme e a madriña choraban. Meu pai estaba serio coma un pote. Nin bágoas nin risadas: os homes son homes. O padriño non quixo ir. A Celia, que está servindo en Loxo, mandámoslle recado pero non a deixaron vir os señores.

Eu estaba no medio de todos. Ninguén facía caso de min. Bulían a darlle consellos ó viaxeiro mentres non chegaba o coche de liña. Miguel dicía a todo que si, con cara de «tanto me ten». Collinlle unha man e púxenme a contarlle os dedos para un lado e para o outro, dende o gordo ó meimiño. Non dei chío pero gustábame que Miguel marchase. Despois contaríame moitas cousas. E eu diríaas na escola. Como non me atendía, turrei por el para unha beira. Anagouse e díxenlle ó pé da orella: «Eu quero que te vaias. Mándame unha carta dende América e cóntame historias de alá». Sorriu, púxome unha man na cabeza e esgarabelloume no pelo. Sentín coma un proído de sarabullo no corpo todo.

Escoitamos a buguina do «Modelo». Viña a todo meter, cun eito de caixóns e cestos derriba. Miña nai e mais a madriña dábanlle bicos e apertas a Miguel, e seguían choromicando. Meu pai ergueu a maleta ata onde estaba o revisor. Unha maleta noviña, feita polo carpinteiro de Quintela. Despois apertou contra si un instante a meu irmán. Antes de meterse no coche, Miguel colleume polo pescozo, deume un bico na cara, e cun «abur, Balbino» fuxiu coma un lóstrego. Eu quedei feito un papón. Non souben dicir nin facer nada. Arrincou ó xeiteniño o «Modelo». Miguel axexaba para nós mentres abaneaba un pano da man.

— Non deixes de ir á misa —berroulle a madriña.

— Deus te acompañe; ¡non te botes a perder! —dixo miña nai, mentres enxugaba as bágoas.

E a tía Carme guindoulle o seu derradeiro consello, que non entendín ben:

— ¡Ten tino coas mulleres!

— Deixádevos de berros —terzou meu pai, mentres me collía por unha man—. ¿Pensades que vos escoita? ¿Non vedes a onde chega xa o coche?

O «Modelo» corría. Semellaba unha nube voando a rente do chan, por entre os piñeiros, por entre as viñas. Miguel ía dentro.

Pasaba o tempo e non viña carta. Miña nai rezaba día e noite, e ofreceulle unha vela á Virxe do Carme para que non se afundise o barco onde meu irmán viaxaba. Ata que un día a carta chegou. Miguel estaba ben. Traballaba na tenda do tío Xaquín. Vestía decote con roupa de garda e zapatos. Ademais folgaba os sábados pola tarde, andaba nun coche de liña e comía pantrigo, queixo e compango todos os días. Iso si que era vida.

— Cando medre, voume para América —dixen.

E meu pai atalloume:

— Cando medres deprenderás un oficio e farás por vida aquí, sen andar batendo o zoco polo mundo adiante.

— ¿E logo Miguel?

— Miguel xa está. E con un fóra abonda.

Eu pensei no pantrigo, no queixo, na roupa boa. Disque se pasan nove días sen ver terra. Nada máis ca auga día e noite.

O padriño, que é de poucas falas, estaba sentado ó pé da lareira; revirouse para dicirme:

— Atende, neno. Quero que metas nos miolos o que che vou dicir. Deprendino cando era novo coma ti:

Ás Américas van os homes,

ás Américas para gañar.

E as Américas aquí as teñen

Os que queiran traballar.

Calei. Farto estou xa de que me digan que son pequeno para entender certas cousas. Talvez iso de ir ou non ir para América fose un lerio de xente grande. Hai que medrar. Arredeime da conversa. Púxenme a esnicar coa navalla nunha carola de nabo que atopei debaixo da artesa. Meu pai e mais o padriño seguiron latricando.

— Eu fálolle deste xeito ó neno, pero teño para min que América é outra cousa —dixo meu pai—. Hai outras oportunidades. Pode un chegar a rico se ten cachola e sabe aforrar un peso. É que poñen tantas impedimentas para irse, que senón…

— Ti non sabes o que dis —atallouno o padriño—. Na América non hai mellores vantaxes das que temos aquí. Dígocho eu, que botei anos dabondo por aquelas terras. América é un ichó. Os que caen nel non avisan ós que chegan detrás. Primeiro pérdense costumes, xeitos de vida do país de orixe. Pérdese a alegría. Rematando, as máis das veces, por perdelo todo. É coma cando se arrinca unha árbore e se deixa coas raiceiras encoiro, sen terra.

Meu pai falou dos que veñen de alá con diñeiro e botan por ela mercando casas e de canto hai. E o padriño díxolle que moitos máis eran os que non podían voltar, e que para morrer pobre máis valía pechar os ollos onde un nace. Contou que algúns dan risa e noxo cando aparecen co seu falar, e cadeíña de ouro darredor do bandullo, e un coche que queren meter polas corredoiras. ¡Ten cada retróneca o padriño! Cando papai lle apuxo non sei que dos que eran máis traballadores, ergueuse das cuñas:

— Alí todos traballan máis da conta —dixo—. Pode haber algún preguiceiro, pero unha abella non fai enxamio. Os nugalláns non se van. Saben que en ningures choven moletes cocidos, e polo si ou polo non prefiren folgar na aldea. O que traballan dee máis os emigrantes axuda a medrar a outros. E embrutéceos a eles, que coidan ter chegado ó mundo para turrar día e noite dun xugo. Como di o refrán: «nin xo que pare, nin arre que fuxa». Aquí escoitaban o bombo en calquera souto e deixaban todo para irse de troula, e alí traballan arreo, sen saber moitas veces nin cando é domingo. Eu paseino. Con igual esforzo houberan estado mellor na propia terra. E vivirían no seu, sen botarse a perder.

Calaron un chisco. Eu seguín a cavilar no pantrigo e no queixo. E na boa sorte de Miguel. A meu pai non lle cocía o corpo deixar todo aquilo sen aclarar e dixo que a xente moza rabeaba por andar mundo e ilustrarse, e foi cando o padriño ceibou outro sermón dos seus, dicindo que o máis malo era que fose a mocidade a que se vai. E que ogallá se tratase dunha tolemia de vellos, porque os vellos dan perda, pero vaise a xente que traballa e o país está cheo de vellos e nenos. Tamén dixo que iso de ilustrarse eran contos de feira, pois moitos dos que emigran cando se van son persoas que teñen bo xuízo para entender e razoar moitas cousas e que despois se volven monifates. Contou que cambian a fala trocándoa por unha requinaeterna que nin eles entenden. O padriño fixo a comparanza cun merlo nunha gaiola. Disque podemos mantelo á nosa maneira e facerlle asubiar o «tiroliro», pero non se afai. Un día ríspase para o monte e no monte é un alleo, un merlo botado a perder. ¡Iso do merlo si que estivo pavero!

Meu pai dixo que se a xente non marchase, aquí non se cabería.

— A xente ben cabe —respondeulle o padriño—. O país está sen explotar. Se da noite para a mañá non deixasen saír a ninguén, fariamos unha revolución que é o que cómpre, e todos viviriamos como se merece, sen andar esmiñatando en terras alleas.

Seguiron afiando o peteiro. Cadaquén coas súas razóns. Eu marchei para a eira. Aquela conversa non me chistaba. Entendín algunhas cousas. As máis delas, non. Lerios para homes de barba. O padriño guindaba berros abrouxantes. Meu pai case non podía meter baza. E todo porque eu dixera que iría para América cando fose grande. O que son as cousas. Faime lembrar o lume. Un misto pequeniño pode queimar un palleiro ou unha zanca.

Coa carola de nabo fixen a cara dun macaco. En cadanseu ollo metinlle unha faba tarabela. Púxeno nun burato do valo, coma un santo.

A Miguel tamén se lle daba por facer macacos, e carros e arados de casca de piñeiro. ¿Faraos na América? Talvez non lle deixe o tío Xaquín. E tampouco lle deixaría escribir. Mandou unha carta nada máis. ¿Cando me escribirá a min? Quero que me conte historias de alá. Quedamos niso cando se foi. Ó mellor esqueceuse.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *