DESTINO

Hai quen di que todo o que nos acontece está sinalado de antemán. Que andamos por camiños mallados. Cadaquén vai polo seu, queira que non, coma se o levase un anxo ou unha meiga. Eu non creo tal cousa.

Un día falei disto con Lelo. Estabamos arrimados á orela da ponte, mirando para o río. Os muxiricos rebulían na tona da auga.

—¿E logo as cousas non pasan porque teñen que pasar? —díxome.

Aledeime de que Lelo cavilase. A xente que non fai traballar o miolo deberíase anagar e ir polo monte enriba de catro patas.

—As máis delas podemos gobernalas. E acontecerán segundo nós queiramos —contesteille—. Depende de min, poño por caso, que me chimpe ou non agora mesmo da ponte embaixo.

Lelo sorriu, dándome a razón.

Vin parar á casa do Landeiro porque quixen. Certo é que algo empurroume Manolito e a pedra que lle guindei, e meus pais, pero na derradeira naceu de min a idea de fuxir, e trouxéronme as miñas pernas.

Noutrora daríame vergoña andar a servir. Hoxe, non. Se ben se pensa todos somos criados. Todos menos os que son amos. Hai xente de dúas castes: a que manda e a que é mandada.

Levo aquí tan pouco tempo, e ¡cantas cousas novas!

O Landeiro merca e vende gando. É home forte, traballador, e polo mesmo gústalle que os demais traballen. Anda de feira en feira. Berra para falar con un coma se estivese entre cuxos. Pero non é ruín. Ás veces ata conta algunha chuscada e cando se ri axéxalle dende a boca un dente dourado. Ten corenta e sete anos. Disque estudou para cura en Santiago e interrompeu os latíns para casar. De alí a catro meses morreulle a muller, e algunhas vellas santilorias rosman que foi «un castigo do Señor».

Sabe que se me dá por ler e tráeme libros. Teño xa dezaoito. Algúns non os entendo ben. O mellor de todos —xa o repasei catro veces— é o das «Memorias». O que fala nel vén ser un capitán, chamado Smith, que conta todo o que lle pasou na guerra. Ata soñei con el e paréceme que se o atopase no camiño, falaríalle.

Tamén soño con Pachín, e con Lelo. E ata con Eladia.

memorias_0003

Entre Flora e mais eu facemos case todo o traballo de fóra. Na ceifa veñen xornaleiros. Eu síntome outro. Máis forte; como se estivese chegando a home. A roupa vaime quedando pequena. Flora fíxome esquecer algo a Eladia. Aínda que con Flora sinto unha cousa diferente. Ganas de abrazala, ou darlle un lapote nas nádegas, como fai ás veces o Landeiro. Un día, no monte, puxémonos a enredar mentres botabamos molime no carro, e non sei o que me pasou. Vinlle as pernas ata a polpa e véuseme un trasviramento ós ollos e un rebulir no sangue que me fixeron tremer.

Flora ten vinte anos. Serve na casa do Landeiro dende pequena. Dixéronme que dorme algunhas noites con el. A xente sempre lle dá ó peteiro. Tamén din que o amo non lle deixa ter mozo. ¡Se eu fose máis grande! Pero son un rapaz, e se lle digo algo rise de min.

Celia, miña irmá, vénme ver cada tanto. Entrou un día no meu cuarto e tiven que bulir a gardar o caderno. Hai tres domingos tamén veu meu pai. Falamos pouco. Díxome que o señor non os botara, pero coa condición de que eu non fose máis pola aldea. E enriba subiunos a renda da casa. Manolito xa voltou. Ve dos dous ollos, pero quedoulle para sempre o sinal da testa. A min doeume ver a meu pai tan serio. Outras veces tíñame contado contos e historias ledas de cando el era mozo. Pero agora había entre nós unha pedra. O cantazo que lle guindei ó neno do señor. Así e todo, se me falase doutra maneira, pediríalle perdón por terlle cuspido e por fuxir da casa. Pero todo quedou como estaba. Contoume que a madriña anda outra vez mal dos cadrís, e que a mamai e mais a tía Carme viranme ver axiña.

Cando xa se ía, deume un papel encartado, que sacou do bulso da chaqueta. Era un sobre pequeno, verde. Abrino. ¡Unha carta de Lelo! A primeira carta que recibía na miña vida. O meu amigo lembrouse de escribir. Cumpriu. Non fixo coma Miguel.

Pareceume que o sol arraiaba para min só. E que unha música de paxariños me rebulía no peito. ¡Cantas cousas contaba Lelo! Tamén eu lle dixen moitas na resposta. Faleille da miña fuxida, de Manolito, de Flora… Atopei á fin onde baldeirar os meus desacougos, as angurias que me aflixen.

Agora non falo comigo mesmo. Cóntolle a Lelo, o meu amigo, o que antes poñía no caderno. E a vida, mentres haxa correo, ten para min outro cariz.

O caderno dareillo ó Alberte, o sobriño do Landeiro, que estuda en Santiago e disque escribe libros. Debe ser algo tolo. Apañoumo un día no cuarto e non fai máis que pedirmo. Di que son as miñas «Memorias». Cousas do Alberte… Tiñamos falado unha noite do capitán Smith e da súa andaina guerreira. Pero o caderno, aínda que para min vale moito, non ten comparanza. Xuroume que non llo amostraría a ninguén.

Que o leve.

Buenos Aires, 1960

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *