LOITO

Meu tio Braulio morreu de desgraza. É certo. Pero eu non lle afinquei. Pasaron xa tres anos e inda se fala del con moita aquela. Era un home pouco dado ó traballo, dende que voltou do servizo. Moi chusco e compangueiro. Amigo da troula e das romarías. Pero morreu. E houbo que poñer loito. Todos coma curas. O meu pantalón de cada día é negro. Cada vez menos negro, porque as remontas e remendos sobrepostos son do que cadra. Tamén ando con botóns escuros na camisa. Pero vestir así ou doutra maneira tanto me ten. O que me amola é quedarme na casa os días de festa.

Chega o San Pedro, ou o Carme, e eu encerrado; metido na gaiola coma un rulo. E todo pola morte do tío. ¡Que desgraza! Di meu pai que o loito non revivece a ninguén pero a madriña comeza a bagoxar polo seu Braulio, e dálle con que era bo mozo, espelido, un anaco de pan, ¡que sei eu! E o loito segue.

Ben me acordo cando o tío Braulio chegou de África. Viña negro coma un chamizo. Sabía contos de meigas e un eito de xogos moi paveros. Semellaba un lareta das feiras. Os mozos da aldea corrían para a nosa casa con mentes de escoitalo e xogar con el. Algúns pialláronlle os moldes e arremedábano por aí.

Pero aínda que lle doía o óso para anagarse, meu tío sabía que en ningures dan pan por durmir, nin por xogar a andar de palique. E botouse ó traballo. Con moita tristura, pero botouse. Como non estaba afeito nin tiña gana de afacerse, andaba esmangoletado, batendo en todo de mal xenio. Por iso aconteceu o do carro. Foi por molime ó coto de Guillal e cando baixaba antepuxo o gando para manter a carga coa forcada. As vacas reviraron , saíronse do camiño e o carro deu volta. Meu tío quedou entrillado debaixo da roda. Non puido berrar sequera. Dous homes do xulgado estivérono coidando un día enteiro. O médico fendeulle a testa para saber de que morrera. Nin que o fixera para roubarlle os miolos, pois ben se sabe que o esmagou o carro. ¡Se ata tiña o cabezote do eixo espetado na barriga! Pero arre dos demos que había que facelo porque era o seu deber, e que sei eu. Renegou con meu pai e meu pai con el, pero saíu coa súa. Foi moita xente ó enterro e inda hoxe se fala na aldea daquela desgraza.

Pero eu non tiven culpa de que dese a volta o carro. Encambáronme o loito hai tres anos e con el sigo, sen poder ir ás foliadas, nin vestirme de vello no Entroido. Nunca quixen arrepoñerme por non ver chorar a madriña. Ela pensa que os botóns negros da miña camisa fan máis levadeiro o purgatorio que seguramente atura o tío Braulio.

Na coresma sentinme máis ledo ca antes. Ó revés de todos. Din algúns que a coresma é tempo de poñerse tristes porque nos fai lembrar a morte. A nosa  morte e máis a do Noso Señor. Paréceme que cavilar niso é bo para os vellos. Eu non quixera morrer novo, pero se o penso moito, tanto me ten. Disque os rapaces somos anxos. Cando morreu Pepiño de Candau, metérono nunha caixa branca, porque era un «anxo»; así mo contou a madriña. Na morte de Noso Señor cavilo algunhas veces. Arrepíame velo sangrando, encoiro, coas mans e os pés cravados á cruz. Ademais da dor é unha burla que se faga iso a alguén. Aínda que non fose Deus, igual dá mágoa ollar as súas feridas.

Non sei por que hai xente que ten un tempo para cada cousa. Tempo de tolear no Entroido e logo facer de choróns na coresma. Se non fose pola morte do tío, eu tamén sería así. «Para onde vas tolo, para onde van todos», di meu pai. Pero como o loito faime andar de coresma arreo, cando chega a coresma de certo atopo ós demais igual ca min. Peor ca min, pois se non me divirto de verdade, divírtome coa xente, que troca de caríz segundo o calendario.

O derradeiro Entroido, debido ós meus botóns negros, paseino na casa. Mentres os demais trouleaban, eu aturaba o encerro. Vin a mascarada dende o taboleiro.

Diante chegaron os «correos». Eran catro. Todos co seu par de luvas, pantalón branco e chaquetas relucentes. Viñan en facos pedreses, garnidos con fitas e arreos do trinque, e cubertos de axóuxeres dende a testa ó rabo.

Petaron á porta. Meu pai abriu e díxolles:

— Non hai entrada.

Significaba que, como estamos de loito, as máscaras non darían os «vivas» nin cantarían, nin nada diante da nosa casa. Os correos deron volta.

Pero eu vin todo, porque na outra banda do camiño están os de Cordal, que como non gardan loito por ninguén e ademais diso gústalles a troula, deron «entrada».

Non tardaron en aparecer os xenerais. Montando cabalos galloufeiros (disque lles dan viño para que anden máis rufos), e lucindo traxes rechamantes, tricornes, botas, esporas. Sobor do peito levaban cruces e outras barrufalladas de follalata e aluminio. ¡Quen vía a Tomás da Eixola! Semellaba un espeto. Nunca tiveron un cabalo debaixo de si. O ano anterior fixera de frade.

Detrás dos xenerais viñan oito ou dez músicos da banda de Orazo, tocando marchas. Tamén apareceu un coro cantando a «Rianxeira». Un mozo levaba unha manda de foguetes e de cando en cando facía estalar algún. Os rapaces ían á pillota tripando sucos de centeo para dar coa canavela. ¡E eu encerrado…!

Un eito de xente viña detrás, ríndose cos «vellos». Tamén eu rin, aínda que máis ben tiña ganas de chorar por non poder ir ó camiño. Rinme cunha banda de música, que non era música nin farrapo de gaita. Armaban un estronicio coma para escorrentar o lobo. Cadaquén bruaba á súa maneira. Os instrumentos eran de moito barullo: bombos, tamborís, trompetas, fiscornios e outros. Vestían roupa vella, chea de remendos. Tiñan a cara enfarruscada de negro. Levaban tallos atados á cueira con vimbios e corres de codeso.

Despois vin chegar varias cousas: unha vaca e mais un burro axugados, turrando por un carro no que ían dous augardenteiros coa súa alquitara; noutro carro, unha morea de palla, que seis homes, vestidos con carozas de xuncas, puxéronse a mallar no chan con cadanseu mallo, mentres cantaban coplas axeitadas. E detrás dos malladores apareceu un fato de ferreiros, que pousaron no camiño unha zafra e bouraban derriba dela con martelos moi grandes, coma se estivesen domeando ferro. Disque en Sarandón e mais na Ulla arman cada estangurriada que dá xenio.

Un dos xenerais, brandindo unha espada na man dereita, berrou coma un perdido, agoirando que Xacinto do Cordal vivise por moitos anos na compaña da súa xente. E todos os dacabalo respostaron a un tempo:

— ¡Vivaaaa!

Tocou a banda, cantou o coro, comezaron a bruar os dos tallos, e Cordal, amais de entregarlle algún diñeiro ó que andaba coa caixa, veuse con xerras de viño para a porta. Convidaba a treu. A xente ría, cantaba, aturuxaba. Divertíanse todos. Todos menos eu, que aturaba detrás do taboleiro.

Cando rematou o Entroido, unha mañá foron todos á igrexa. Con caras de ferreiro. Porque a xente é o demo. Meu pai tenme dito que no cine hai homes e mulleres que un os ve chorar, ou rir, ou morrer, e que todo o fan de mentira. Disque non choran, nin rin, nin morren.

A xente por dentro debe andar triste ou leda por outras cousas, pero non cando llo manda o almanaque. A troula da mascarada, igual que a tristura da coresma, son para vestir por fóra, penso eu.

Dixo a madriña que o cura luxoulle a testa a todos cun chisco de borralla, mentres lles ía dicindo que están feitos de terra e que, máis tarde ou máis cedo, serán terra outra vez. Non sei a que vén ó caso. ¡Como non sexa un castigo por se teren divertido no Entroido!

Eu non tiven a culpa de que meu tío Braulio quedase esmagado debaixo do carro. ¿Por que me encambaron este loito sen fin? Ás veces penso que debe ser unha mangancha para que non saia da casa. Se foi por iso, de pouco valerá agora. Pero os botóns negros fanme cavilar. Cavilo na xente que da noite para a mañá canta ou chora, láiase ou relouca. O estar coutado sempre, obriga a ollar ós que andan por aí. Ós que teñen mesturadas as bágoas cos sorrisos. E vénseme á cabeza o que dicía Serafín, o legüeiro-enterrador: «¡Que toleirón de mundo!»

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *