O MEU AMIGO

O padriño non era coma a outra xente. Aínda non vin home na aldea que se lle puidese comparar. Todos latrican das mesmas cousas ou calan as mesmas cousas. O padriño era diferente. Paréceme que o estou vendo: sentado no seu tallo, ó pé da lareira, asubía, pensa, fai debuxos co bastón na borralla. Non se anoxa con ninguén. Se lle din algo que non lle gusta, case sempre responde cun sorriso suaviño, e acabouse. Debe ser por iso que lle ouvín dicir un día:

—Ás veces, a mellor maneira de explicar algo é calando.

Pero cando se lle daba por falar, aquilo era unha sementeira. Predicaba mellor ca un frade. Eu non lle entendía moitas cousas, mais rabeaba por escoitalo. Era, ¡que sei eu! coma se o erguesen a un polos ombreiros cunha man de la e o levasen voando lonxe, lonxe…

Un domingo pola tarde, en vez de ir enredar quedeime con el na cociña. Pregunteille de canto hai:

—Padriño, ¿cando esmorecen as estrelas? ¿Onde rematan os camiños? ¿Quen puxo os penedos no río?

Non había cousa que el non soubese.

—¿Que é un amigo? —pregunteille tamén.

E botoume tal prédica que inda me acordo de moitos dos seus ditos. Unha tarde enteira parrafeando da amizade. «Un amigo é o mellor que hai neste mundo, se o é de certo». «Vale máis ter amigos ca ter cartos». «O amigo dáche todo e non quere nada; morre por ti se cómpre morrer».

Despois desa, notei que me faltaba un amigo. Non era doado atopalo, dicía o padriño, pois disque os máis deles son de comenencia. Na escola levábame ben con todos dende que entrei. Pero cando sacaron o mestre e veu Eladia e fun o máis adiantado, mirábanme con mal cariz. Coma verdadeiros inimigos. Era a rabecha de me veren lendo e escribindo mellor ca ninguén. ¡Se souberan o que me pasaba con Eladia e por que eu deprendía! Pero está visto: sinto cousas que non lle podo contar a ninguén. Teño que aturalas eu. Eu só, coma cando aturei as vexigas e o sarampelo. Peor aínda, pois teño que calalo.

Os da casa poden ser ou non amigos dun. Ser nai ou pai non ten que ver con ser amigo, penso eu. Disque don Leopoldo é amigo dos seus fillos, e falan e eito de canto hai. Pero na aldea non se usa. Son costumes da vila.

Dende que o padriño me ceibou aquela predicación, botei unha tempada dorido por non ter un amigo, ata que aconteceu o da presa.

Era unha tarde do mes de Nadal. Chovía moito e o río comezou a encher. A madriña mandoume ir buscar o lavadoiro, que estaba na presa do muíño. E fun. Corrín canto me deron as pernas, pero cando lle botei a man esvaroume un zoco e caín na auga avolta. O río levábame pola presa abaixo, cada vez con máis forza. Eu non perdín o coñecemento, aínda que debeu faltarme pouco. Niso, sentín que me turraban por unha perna, e de alí a un instante estaba no resío. O meu salvador fora Lelo de Cidre. Deille unha aperta de corazón. Se el non fose, eu morrería afogado.

«Os amigos hai que coidalos, como se coida unha anada», dixérame o padriño, e eu, convencido de que Lelo era un amigo de certo, boteime a querelo e a amostrarlle estimanza.

Lelo era moi pobre. Fillo de caseiros igual ca min. Pero tiña a «vantaxe» de non cavilar nas cousas. Cantaba e ría aínda que non comese ou andase encoiro. Faime lembrar o conto que di o Xudío, do home feliz que non tiña camisa.

Nunha caixiña de lata moi feituca —daquela inda non mercara o peto de barro— gardaba eu os meus pequenos aforros. Algunhas pesetas que fora xuntando. ¿Quen mas dera? Un rapaz baixado sempre colleita algo. Por coidarlle da besta ó perito, ou levarlle o raxo ó cura e a outros señores cando a mata do porco.

Fun á casa de Lelo para regalarlle a miña caixiña cos cartos, amais dun cinto branco que me trouxera de África meu tío Braulio.

—Eu non che quero nada —díxome.

—Por ti podo contar o conto. Salvácheme a vida. Non sei nadar e houbérame esfachicado na reixa do muíño.

—Si, pero eses labores non se cobran.

—Nin hai diñeiro que os pague —díxenlle—. Non veño pagar un traballo; tráioche un regalo.

Despois de moito leirear colleume o cinto.

—Eu quero ser teu amigo, Lelo.

—Xa somos amigos.

—Quero que andemos xuntos, falemos das nosas cousas…

—Por min, xa está —díxome.

E tiven un amigo. Un verdadeiro amigo. Decote nos levamos ben. Todos os días maxinabamos diferentes andrómenas para cando fósemos grandes. Lelo quería deprender música e tocar o bombardino ou a trompeta. Xa estrebillaba cos dedos nun pínfano e dáballe xeito. Ademais metéuselle na chola ser mariñeiro. Nunca vira un barco nin o mar, pero seu pai estivera servindo en Ferrol e parolaba arreo de augas e ventos. Eu teimaba ser mestre de escola, ou cando menos ferreiro. Pero tamén quixera voar. Guiar un avión para ir polo mundo adiante, viaxando por derriba das nubes.

memorias_0001

Faciamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas, e non había tobo de coello que non tivese na porta un lazo de aramio posto por nós. Na aldea chamábannos «os armadanzas». Manolito, o fillo do señor, adoecía.

No tempo da sega adicámonos a xuntar cornello. Andamos o agro todo. Con tal de non tripar o centeo, ós donos non lles importaba que sacásemos o gran de corvo. Despois de mollalo, chegamos ás tres libras. Tamén fixemos angazos de pau, para vendelos no Sanmartiño, e algunhas tarabelas. Lelo gardaba os cartos que iamos gañando, nunha caixiña con pecho.

Non gastabamos nada en chilindradas. O aforro medraba. E máis medrou aínda co choio do raposo que nos vendeu un cazador, amigo do pai de Lelo. Era un raposo grande, mantido. Encolgámolo nun pau e fomos con el ó lombo de porta en porta, como é uso.

—Ei, da casa. ¿Dades algo para o raposo?

—¿Onde o apillastes?

—Alí en diante, ó pé do Castro.

A xente dubidaba, pero como sabían que andabamos entre lazadas e garamelos, á fin dábannos ovos ou diñeiro. E cando o raposo comezaba a cheirar, démosllo a uns rapaces da outra banda do río, que facían igual andaina pola súa aldea.

Afixen a Lelo a cavilar. En pouco tempo semellaba outro. Os que non pensan non merecen ser persoas, digo eu. Falabamos de cousas moi serias. Cousas de xente grande. Estivemos de acordo en que no mundo hai pobres e ricos e non debería ser así. Convencino de que cumpría saber moito, e ensineille a facer algunhas contas e a escribir mellor.

Deprender cousas, ser grande, ir ás mozas; bombardino, trompeta, zafra, barco, avión, mar, nubes… Falabamos acotío dos nosos degaros. Coma dous amigos que se queren.

Pero todo ten remate. Está visto que pouco me duran a min as contentezas. Os pais de Lelo decidiron irse para América.

—Eu non sabía nada, Balbino, senón tivéracho dito. Arranxaron os papeis caladamente.

—Pois agora xa está —díxenlle—. Non hai can que o roia. Vaste e acabouse.

Fun despedilo ó «Modelo». Bulimos a falar. Parolamos a eito. Ata lle dixen o que me acontecera con Eladia. Deille o meu segredo coma un regalo. E souben de camiño que a el lle pasara algo semellante coa filla do fragueiro. Eran as únicas cousas que gardabamos sen saber un do outro.

—Escríbeme —díxenlle—. Mándame tan sequera unha carta. Non fagas coma Miguel. Cóntame como é América. Dime se é certo que hai indios e cóbregas moi longas.

Lelo bagoxaba.

—Non chores. Un home non é unha ovella —pero as miñas fazulas tamén se mollaron.

Mentres estiven na miña aldea, non atopei outro amigo coma Lelo. Un amigo de certo, que me librou de morrer afogado cando caín na presa. «Vale máis ter amigos ca ter cartos». O padriño tiña razón. O padriño era un sabio.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *