O XURAMENTO

Algúns veciños téñenlle teima a Serafín, o enterrador. Será porque máis tarde ou máis cedo, han caer baixo da súa peta. Pero alguén ten que facelo, penso eu. Ata o tolo de Quintás o sabía cando baduaba na taberna que para todo se arranxaba só, menos para entrar na cova.

A Serafín non lle importa. Chámano e vai. Cobra o seu e acabouse. É home de poucas falas e de paso vagoroso. Pequenote, fraco —houbo quen lle puxo o alcume de «Bigornia»—, e pernas tortas coma abeacas. Gasta pantalón de dril e chaqueta de pana remontada, e leva posta sempre unha pucha grande, cun delongamento a xeito de viseira.

Disque veu da montaña, hai moitos anos. Vive coa muller, nunha caseta que arrendou ó pé do Castro.

Déronlle o choio de legüeiro por ter apandado moitos trebóns de balas na guerra. O de enterrador é coma un segundo oficio para el.

Eu quérolle. ¿Por que a xente o tratará así? Non fala mal de ninguén nin é pecadento.

Sen que mo soubesen na casa, teño ido ó adro latricar con el cando había enterro. Gustábame velo no seu trafego. Pousaba a chaqueta no valo, refucía as mangas da camisa e veña a cavar. Primeiro amolecía a terra coa picaraña e logo botábaa fóra cunha pa.

A derradeira vez que o vin foi cando morreu a tía Engracia da Granxa. Era por maio. Acórdome ben porque foi o día do meu xuramento. No alcipreste garulaban merlos, papuxas, estorniños, ¡que sei eu! Un rechouchío teimoso de canto paxaro se podía ver e xuntar. Fun indo ó xeitiniño, a rente do valo, espremendo couselos. Senteime nunha lápida branca, de mármore.

—Ou, Balbino. ¿Vés ver como traballo? —díxome.

—Veño.

—Non che arrendo a ganancia. Enriba de baldar os cadrís, troño, sacando terra por catro patacos, póñenlle a un alcumes e caras de ferreiro.

Cuspiñou nas mans e seguiu cavando e xemendo. Eu comecei a darlle voltas a unha argola da lápida. De alí a pouco guindou a picaraña e veu sentarse á miña beira. Ese día estaba falador.

memorias_0002

—Aínda é cedo —dixo, ollando a sombra do alcipreste na parede da igrexa—. Noutra xeira acabo o burato. ¡Pobre tía Engracia! Non sabe un a onde pode chegar. Ela foi a máis rica da parroquia, en vida de don Alexandre. Na súa casa, troño, fartábanse os pobres e había portas abertas para todos, ata que as cousas comezaron a andar coma o nabizo, e á fin embargáronlle casa e bens, deixándoa polas portas do mundo.

—E logo, ¿a tía Engracia tiña moitos cartos? —pregunteille.

—A moreas… pero, como di alí: «onde quitan e non pon…» Cando lle embargaron aínda don Alexandre vivía. Púxose tolo e andaba a pedir. Daba mágoa. Todo esfarrapado, cheirento. ¡A vida é un fandango, troño! Unha mañá apareceu morto na corredoira fonda. Sóubose que ía polo carreiro de enriba e perdeu pé; baixou a rolos polo monte abaixo ata esmendrellarse. Está enterrado acolá, ¿vés? —guindou unha pedriña sinalándome tres lousas afundidas.

—¿E a tía Engracia, non toleou?

—Nin quixo ir pedir. Tíñao a menos. Sempre conservou certo aquel de señora fidalga. Levábanlle algunhas cousas os veciños á casupa, que senón, houbera morto de fame.

Serafín acendeu un pito e volveu ollar a sombra do alcipreste. Eu seguín a enredar coa argola mentres pensaba na tía Engracia, nos tolos, na morte…

—¿E que é a morte? —pregunteille ó enterrador.

—¡Vides con cada retrónica os rapaces…! ¿Que che vou dicir? A morte é a cousa máis condenada que lle pode acontecer a un. Os que se suicidan non merecían vir ó mundo. Todos nós somos unha esqueira con tres chanzos: nacer, vivir e morrer. E non hai can quen o roia, como din os vellos. Tremémoslle á morte porque non sabemos o que haberá detrás dela. Cando chega, séntena máis ca ninguén os que desaproveitaron a vida; os que perderon o tempo mirando para os biosbardos. Aqueles que fixeron algo de valemento saben que non morren de todo. Ti non podes entender polo de agora estes choios tan serios. Aínda lles custa enxerguelos a moitos homes de barba.

A min pareceume entender ó dereito todo o que Serafín dicía, pero calei; deixeino seguir. Gustáballe que o escoitase.

—Cavila nisto —díxome—: o mundo é unha roda, e nós facémola andar. Cadaquén afinca de acordo coa súa forza. Eu enterro mortos e compoño a estrada. Outros escriben libros, fan pontes ou gobernan nacións. Pero hainos que non fan branca e inda teñen o tupé de esbargallar o que hai feito. No remate debe pesarlles, aínda que xa será tarde. Se soubésemos por adiantado o día da nosa morte, ¡que maneira de querernos uns ós outros e de amar a vida! Todo isto deprendino na guerra. Maxina a véspera da derradeira viaxe. Apertando contra o corazón a todos. Ollando o sol, as leiras, as árbores; percorrendo a todo dar camiños noutrora andados; despedíndose do mundo, facendo nesas poucas horas algo onde quedase esburado o noso facer, para que nos lembrasen os vivos.

Falaba a treu e coma se estivese nun púlpito, abaneando os brazos. Volveu a ollar a sombra do alcipreste na parede. Supetamente, ergueuse, colleu a picaraña e continuou o seu traballo.

—Ven —berroume—. Achégate. Aquí tes o que queda dun home. Mira —mostroume varios ósos alongados—, isto eran pernas e brazos; e velaquí a cabeza. A carne levárona os vermes. ¡Esterco! Pero a fonte nova, cos seus catro pichos de ferro, segue deitando auga para regalía dos veciños. Por obra do esforzo de Manuel de Rendos, o dono destes ósos que ves. Enterreino hai nove anos. Rendos vivirá mentres a fonte dure, aínda que apodrecese o seu corpo.

Serafín calou. Supuxen que estaría pensando en Rendos, o que ergueu a fonte. Seguiu botando terra fóra. Aqueles ósos deixounos nun recuncho do burato. Eu fun polo adro adiante, tripando herbas e lousas, espremendo couselos. Teimaba o rechouchío dos paxaros no alcipreste. A campá tocaba a defunto.

Enfiei polo carreiro do agro. As palabras de Serafín ían comigo; zoábanme dentro, coma se tivese un nesporeiro detrás da testa. Don Alexandre, a tía Engracia, a morte, o derradeiro día… Xurei para min que cando chegue a grande farei cousas de valemento para non morrer de todo cando morra. Todos os días cavilo niso. E na xente que vive mirando para os biosbardos, como di Serafín. Cumprirei o xuramento.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *