SANCRISTÁN

E así foi. Cando é para mal, dicimos que «non sabe un onde a ten», e igual debiamos dicir cando a boa sorte se pon da nosa banda. Porque non é que eu puidese compararme con Manolito, nin sequera con Pepe das Chouzas, que ten un reloxo e foi a Santiago dúas veces; pero para min, que todas me veñen tortas, era abondo.

Unha noite escoitamos ladrar o can. Petaron á porta. Era Xaquín do Relanzo. Pasou, sentouse, trouxo meu pai unha xerra de viño e falaron de canto hai. Fixérase tarde e coteleabamos todos co sono. Ata que Xaquín se ergueu e dixo dunha vez a que viñera.

—Pois eu queríavos pedir o rapaz.

—¿Para sacarlle o unto? —dixo a trosma da miña tía, rindo.

—Falo en serio. Xa sabedes que me toca a función do San Roque e corren pola miña conta todos os trafegos da igrexa: tocar as campás, atender enterros, cabodanos, coidar dos santos. Eu non teño tempo nin lecer para esas cousas. E pensei que talvez o Balbino, pagándolle o que se acostuma, quixese facelo por min.

—Pois quero —dixen eu, chantándomelle diante.

Os da casa nada opuxeron. E así quedei feito sancristán. Disque nunca houbera outro tan novo na parroquia.

Cada ano cámbiase de funcioneiro. Meu pai contou que antes poxaba o cura no altar o dereito á función do San Roque, e quedaba con ela o que ofrecese máis libras de cera. Pero houbera algúns anoxos e foi cando determinaron que se tomase por rolda de casamentos.

Acordouse que Xaquín tiña que darme no comezo un traxe a escoller e vinte pesos ó rematar o ano. E así o fixo. Levoume ó xastre de Morás e o primeiro domingo que fun á igrexa estreei o traxe. Endexamais tivera outro tan bo.

—Como campas, chacho.

—Ben se ve que a metade do mozo está na tenda.

—Léveme Xudas se este furabolos non vai xa ás mozas.

Todos me dicían algo. Eu sorría e calaba. Era coma se da noite para a mañá me volvese outro. Tales requilorios viñan da xente que me atopaba a diario esfarrapado. ¡O que é a roupa! Trátano a un segundo o ven por fóra.

O meu trafego dos domingos era varrer, botar auga na pía, acender e apagar as candeas, sacar a caixa das ánimas e tocar a campá. Moitos labores que eu non sabía dicíamos meu pai, que de mozo fora fabriqueiro. Deprendín axiña. Cando morreu a irmá do perito botei as carreiras e saíronme ben. Despois estiven dous días, como é uso, tocando a morto. Ata que a enterraron. Viñeron moitos curas e eu no remate axudeilles a comer a parva na sancristía. Larpei queixo e pantrigo a embute. E enriba déronme dous pesos.

Collinlle agarimo ó choio, aínda que me trouxo algunha rabecha. Cos dous pesos merquei unha cinzarra das grandes, que inda me dura. Eran cartos meus, pero igual me tundaron na casa cando souberon que os gastara. Non entendo por que se os gañara eu non podía facer deles o que quixese. Para meus pais eu son un neno, e non sei empregar o diñeiro. Estiven para dicirlles que eles tampouco, pois mercaron un cuxo que amolece, coles coa potra, un adival esfiañado… Mais, non abrín o peteiro. Alporízanse e fanme calar dun sopramocos. Eles son maiores e sabios. Eu son un rapaz, un ninguén. ¡Algún día serei grande!

Cando tocaba a campá, procuraba turrar con moito xenio pola corda ou polo batel. Quería que a ouvisen todos. Nas casas, no agro, no monte. Por forza tiñan que lembrarse de min. Cada badelada era como un berro; un chamado abrouxante que dicía en toda a volta: ¡aquí estou!

Eu son dado a cavilar, e cando andaba pola igrexa, entre santos e panos sagros, traballábame moito o pensamento. Matinaba no San Roque, que mellor estaría cun médico poñéndolle unturas ca non lambéndolle a frida un cadelo; e dábame non sei que ver dacabalo o apóstolo Santiago moi ben vestido, chuzando mouros. Iso non está ben nun santo, penso eu. Cando menos podía descabalgar e pelexar con eles de home a home. Ós anxeliños miráballes as caras, tan chuscas, tan feitucas, e dábame mágoa por non seren nenos nin nenas.

Nos cabodanos tiña que arranxar o túmulo. Poñíanseme os pelos de espeto con aquela estangurriada. Primeiro un caixón moi grande, que me facía xemer para arramplalo dende a sancristía, e despois outros, cada vez máis estreitos. O do carapucho parecía unha cangalleira revirada, cunha cruz no cabo. «El fin del cuerpo aquí lo tenéis y el del alma según obréis». «Como me ves te verás». Estes e outros letreiros tiñan escritos os caixóns por darredor. Amais de debuxos medoñentos que amostraban caveiras e ósos.

Coidei seguir no choio, pero tocoulle a función do San Roque ó Morulo e entrou un sobriño del no meu lugar. As cousas boas duran pouco.

Cando poño o traxe de garda, lembro os meus tempos de sancristán. Atopo de menos a igrexa, o túmulo, as campás. Porque todo iso será pouca cousa para a xente grande, ou para os rapaces da vila, pero eu endexamais tiven nada mellor.

Deixar uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *